Friday 29 de March de 2024

A Xunta invistiu 83.000€ para a adquisición de 920 contedores para a recollida de residuos para os concellos de Mancomunidade do Barbanza


Gonzalo Trenor visitou o complexo medioambiental de RSU de Lousame que presta servizo a 9 concellos e arredor de 80.000 habitantes

O delegado da Xunta lembrou con Fondo de Compensación Ambiental repartíronse máis de 658.000 euros en 13 proxectos na comarca do Barbanza

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo presidente da Mancomunidade do Barbanza, Luis Oujo, comprobou a actuación levada a cabo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental nesta entidade. A través desta liña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, o Goberno galego investiu no proxecto presentado pola mancomunidade para a adquisición de contedores para a recollida de residuos para o complexo medioambiental, máis de 83.000 euros. A mancomunidade do Barbanza está composta polos concellos de Ames,. Muros, Brión, Carnota, Lousame, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois.

O proxecto, que contou co apoio económico da Xunta, consistiu na adquisición de 920 contedores de lixo de 800 litros, de 360 litros, de vidro, de papel e de recollida de pilas que se repartiron entre os distintos municipios que forman parte de mancomunidade.

No marco deste fondo, que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.
Durante a visita o delegado da Xunta na Coruña informou que a través da orde do Fondo de Compensación Ambiental repartíronse máis de 658.000 euros en 13 proxectos na comarca do Barbanza nos municipios de Boiro, Carnota, Lousame, mancomunidade de concellos de Serra do Barbanza, Mazaricos, Muros, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Ribeira e Rianxo.
Trenor destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.
O delegado da Xunta recalcou “estas axudas van a destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial, polo que son de gran utilidade para os concellos”.